Día das Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra

Image

Cada 17 de maio Galicia honra ás súas Letras e á súa Lingua, e o plenario da Real Academia Galega decidiu adicar o 17 de maio próximo, Día das Letras Galegas de 2010, ao poeta Uxío Novoneyra (Parada do Courel 1930-Santiago de Compostela 1999).

Con motivo desta xornada de celebración do idioma galego a través da manifestación literaria dun poeta comprometido coa nosa terra, elabórase o presente monográfico sobre a figura de Uxío Novoneyra, dado que, este día conmemorativo constitúe unha celebración de gran repercusión en Galicia e cunha evidente influencia no eido educativo.

Aínda que o día en cuestión é festivo en toda a nosa Comunidade Autónoma e, por tanto, os centros de ensino permanecen pechados, a xornada adoita verse precedida por unha serie de actos preparatorios nas escolas galegas, a través dos cales preténdese sensibilizar ao alumnado do valor do patrimonio lingüístico que herdamos, así como difundir a vida e obra da personalidade homenaxeada. Aínda que o conxunto de actividades –tanto pola súa natureza como polo seu contido– desenvolvidas varían considerablemente en función dos niveis educativos de que se trate, o conxunto da comunidade educativa participa nelas en maior ou menor medida.

É por iso, que coa finalidade de contribuír ao labor de sensibilización do valor do patrimonio cultural galego que se pretende levar a cabo co Día das Letras Galegas en xeral, e con cada un dos seus homenaxeados en particular, abordouse, por unha banda, a vida e obra dun dos máis destacados representantes da lírica galega contemporánea: Biografía de Uxío Novoneyra: “O poeta do Courel” (1930-1999) e por outro, recompiláronse as obras con maior significación histórica que se aproximan á personalidade homenaxeada: Obras poéticas de Uxío Novoneyra.

Na sección Orixe do Día das Letras Galegas, tratouse de divulgar o significado desta xornada de celebración reflexionando sobre o mesmo, dada a súa relevancia social e a súa indiscutible proxección no ámbito educativo. Seguidamente, na sección aberta á participación, ¿Que actos preparatorios estanse a desenvolver na túa escola ante o Día das Letras galegas? e ¿ante o galardoado do 2010?, habilitouse un espazo de información e reflexión coa intención que todos aqueles que o desexen acheguen os seus comentarios e intercambien información a cerca do tipo/s de actividade/s preparatorias que teñen previsto desenvolver ao redor desta festividade.

Así mesmo, inclúense ao longo deste monográfico, tres seccións interactivas:

Image

Decálogo de propostas para a realización de actividades, na Semana das Letras Galegas, nos centros de ensino da nosa comunidade. Conscientes de que nos días previos ó 17 de maio os centros de ensino adoitan desenvolver diversas actividades, propóñense dez ideas sobre actividades baseadas en ferramentas 2.0, bancos de recursos e dinámicas de xogos, que se poden levar a cabo nos centros galegos así coma vínculos didácticos ilustrativos sobre cada unha das mesmas, coa finalidade de que, todos aqueles que o desexen, poidan ampliar a información para por en práctica cada unha delas.

Image

¿Qué é o que máis valoras do Día das Letras Galegas?. Enquisa pechada de catro ítems na que pretendemos coñecer qué é o máis valoras sobre o Día das Letras Galegas. Por suposto, admítense comentarios, para engadir as puntualizacións que consideredes oportunas.

Image

Mapa de sinaturas: Onde poderás deixar plasmadas as túas opinións e dedicatorias xunto coa túa sinatura, de forma que quede patente o teu apoio o poeta galego galardoado.


Para finalizar e dada a notoriedade da figura galardoada este ano 2010, consideramos conveniente, por unha banda, ofrecer unha serie de Recursos Educativos e Enlaces de interese, nos que se destacan algunhas Webs polo seu caracter didáctico, pedagóxico e curricular con material e información vinculados coa nosa lingua e recursos de interese sobre ferramentas de autor e aplicacións webs gratuítas como base para a realización das ideas propostas neste monográfico para a conmemoración da Semana e do Día das Letras galegas 2010; e, por outra ofrecemos como peche, unha serie de Curiosidades sobre o poeta do Courel a través de vínculos a fotografías e vídeos do galardoado, que esperamos lle resulten de utilidade.

Esperamos que a información que se presenta deste gran poeta contribúa a ilustrar o voso Día das Letras Galegas, como el ilustrou a Galicia do Século XX.