A Caracola organiza unha xornada coa Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo no marco do proxecto Ecocomedores

A escola infantil municipal A Caracola está organizando xunto á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (GDR) unha xornada de achegamento entre os distintos axentes comprometidos no proxecto Ecocomedores: alimentación, produción e educación. Polo momento, a acollida da xornada está a ser moi positiva, con catorce centros escolares inscritos, e tamén se prevé convocar a entidades que traballan na mellora dos comedores escolares. A data fixada para celebrar este encontro é o vindeiro xoves 26 de abril.

Nani Moré e Carles Soler, membros da asociación Menjadors Ecològics, axudarán ás persoas participantes a revisar a súa xestión do comedor: que alimentos hai no menú, como funciona a xestión dos pedidos, a estacionalidade das verduras, a organización en cociña, como incluír nos proxectos educativos esta visión da alimentación e a agroecoloxía, e ver onde se atopa cada un.

Para incribirse é preciso completar un formulario que remitirá a EIM para saber que relación se ten co sector (produtor, mestre, cociñeiro), ou se participa pola mañá e/ou pola tarde na xornada, entre outros datos. Unha vez realizadas as inscricións e vistos os distintos actores que participarán elaborarase o programa definitivo das xornadas. Ademais, valórase reservar lugar para comer, polo que os interesados poderán indicalo no formulario.

A xornada de mañá emprazarase no centro cívico Mesoiro (A Coruña) e a da tarde na escola infantil municipal A Caracola (A Coruña), en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas.

Image