Abre o 5 de marzo o prazo de inscrición ao programa Idiomas do Mundo 2018

Cartel de Idiomas do Mundo 2018

Aberto do 5 ao 28 de marzo o prazo de inscrición para Idiomas do Mundo 2018. Convócase unha reunión informativa para o alumnado interesado e as súas familias o luns 12 de marzo ás 19:00h no Centro Cívico Municipal dos Mallos.

O programa Idiomas do Mundo 2018 ofrece a oportunidade ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, de realizar unha actividade de inmersión lingüística (formación no idioma e actividades lúdicas) de catro semanas durante o verán de 2018 (previsibelmente en agosto), en inglés, portugués, francés ou alemán, en diversas cidades de Europa.

O prazo de presentación da solicitude será do 5 ao 28 de marzo de 2018.

O alumnado que queira participar no programa deberá inscribirse en liña na web municipal www.edu.coruna.es a través da ficha específica. Unha vez feita a inscrición, o sistema elabora un xustificante de confirmación que se debe de imprimir. Este xustificante ten un “número de asignación” que será o de referencia de cada expediente no proceso.

A inscrición completarase por medio da presentación dunha instancia na que se solicite a participación no programa. Dita instancia deberá estar encabezada pola/o alumna/o solicitante e dirixirse ao Servizo Municipal de Educación.

A instancia e a documentación deberán presentarse nos rexistros municipais ou por calquera outro medio permitido pola Lei de Procedemento Administrativo.

A presentación da solicitudes implica a aceptación das bases da convocatoria.